Tuesday 14 de May de 2024

A Pobra impartirá un obradoiro dirixido a familias sobre o uso responsable das novas tecnoloxías


O Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal será escenario no 27 de maio, a partir das 18.00 horas, da impartición do obradoiro formativo Todo a cambio dun like que organiza a Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e co cal se busca que as familias adquiran as ferramentas e habilidades necesarias para acompaña-las súas fillas e fillos nun uso axeitado da Internet, as redes sociais e os videoxogos.

Se ben as novas tecnoloxías teñen vantaxes, un uso inadecuado pode xerar situacións que poden compromete-la súa seguridade e benestar, polo cal esta acción formativa ensinaralles ás familias a identificar elementos perigosos e afrontalos dende unha perspectiva focalizada no respecto a tódalas persoas e no rexeitamento de calquera tipo de violencia.

Entre os contidos por tratar figuran o acceso á información e aplicacións máis empregadas na actualidade pola mocidade; o uso seguro e responsable das novas canles; como entender, conectar, previr e actuar; os perigos das redes sociais para a xuventude; e a igualdade de xénero e a prevención da violencia de xénero nas redes sociais.

Para máis información habilítase o enderezo electrónico igualdade@apobra.gal e o teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.

A entrada é libre ata completa-la cabida.